O LIBRO "BERROS DE CINZA E NÉBOA"
O alumnado de 4º da ESO B decidiu agasallar a Marilar Aleixandre cun libro, pois son quen ocupan a aula que leva o seu nome. O título do libro é Berros de cinza e néboa. Aquí vos deixamos o prefacio para ir abrindo boca!!
Un
prexuízo bastante espallado na nosa sociedade é a falta de interese
que pode ter a cultura galega para unha persoa que non nacera en
Galiza. Porén a realidade é ben diferente, pois moitas desas voces
nunca "estranxeiras" conseguen derrubar muros que fan que a
nosa cultura se espalle e medre. Un exemplo claro é Marilar
Aleixandre. Bióloga, profesora e escritora nada en Madrid en 1947,
dende a súa chegada a Galiza en 1973 adoptou o galego como lingua
literaria de seu, sendo ademais premiada en numerosas ocasións. Con
motivo da súa visita para inaugurar a nosa aula decidimos facer algo
diferente. Buscamos crear algo de calidade e que fose significativo.
Algo que fose persoal para agradecerlle a súa visita e para que
coñecese un chisco aos que ocupan a aula que vai levar o seu nome.
Así fixemos este libro de poemas, no cal decidimos centrarnos en
dúas liñas principais: o intimismo e a denuncia social, que resumen
moi ben os nosos intereses. Principalmente porque a expresión de
sentimentos parécenos algo importante e cuxa influencia é enorme.
Na nosa vida diaria os problemas sociais están moi presentes a
través de diferentes canles, e cremos que é necesario denunciar
eses problemas a través da literatura, porque a finalidade última
desta é influír nas persoas. Esta denuncia antóllasenos totalmente
imprescindible vista a situación actual. Tamén recoñecemos a
importancia da loita feminista, da que Marilar participa. Nestas dúas
temáticas quixemos unir as dúas visións máis espalladas da
poesía, unha como expresión de sentimentos e outra como arma
social. Esta unión xa vén expresada no título, BERROS
DE CINZA E NÉBOA,
no que os berros representan as loitas e as cinzas e a néboa os
sentimentos, na súa maioría escuros.
Comentarios
Publicar un comentario