ENTERRO DO MECO



Rematado o Entroido, os concursos de disfraces, o karaoke, os premios e, sobre todo, os días de vacacións, no IES Pedro Floriani demos enterro con parsimonia ao Meco, non sen antes dar lectura ceremoniosamente, como correspondía, ao seu testamento:





En Redondela, a tantos de tantos
co entroido rematado
eu, o Meco comparezo diante do Sr notario.

Estando en perfecto uso
de todas as facultades
quero facer testamento
coas últimas vontades.

Pero antes de que eu morra
e me converta en borralla
vou repartir agasallos
entre toda a rapazada.

Ilustre Sr. notario,
escoite con atención
e tome vostede nota
destas miñas instrucións:

Unha birra e un xamón
ao persoal non docente
que boa falta lles fai
para aturar tanta xente.

Aos de primeiro de ESO
unha caixa de inxeccións
para que lles "dean" forzas
para estudiar as leccións.

Para os de segundo,
un chisco de sentidiño
que seica moito lles compre
para ir polo bo camiño.

Para os de terceiro
unha chea de carpetas
que sempre lles virán ben
para gardar as chuletas.

Un saqueto de patacas
para os rapaces de cuarto,
a ver se xa ben mantidos
as notas soben un cacho.

Aos de primeiro de bacharelato
xa sei que lles vou deixar
quilos e quilos de ganas
para poñerse a estudiar.

E aos de segundo, meus pobres,
moita forza de vontade
porque axiña acaba o curso
e ven Selectividade.

Aos rapaces de FP
unha bola de pimpón,
porque as palas e a mesa
xa virán noutra ocasión.

Para o profesorado
toneladas de paciencia
porque moito a precisan
para explicar tanta ciencia.

Para o Sr. Conselleiro
un lapis e un caderno
para que copie cen veces:
"Eu tamén quero galego"

Pero isto non acaba,
que ainda queda o mellor:
que viño e cacheira acaben
co xenio do Director.

Xa todo volo deixei,
xa non me queda máis nada,
o orzamento era escaso
e acabou nunha patada.

Rematado o testamento
despedirme xa convén.
Por iso vos digo a todos:
ATA O ANO QUE VÉN!


Comentarios

Publicacións populares